Saltar ao contido

Mantementos preventivos

Contratos de mantemento de maquinaria por cliente, con aviso por data ou por horas de funcionamento

Un contrato de mantemento recolle que máquinas dun cliente revisas e cada canto: cada tantos meses, cada tantas horas de funcionamento ou o que chegue antes. Sattotal calcula cando lle toca a cada máquina, avísate coa antelación que escollas, permíteche programar a visita desde o propio contrato e, cando a visita se finaliza, deixa a máquina ao día sen que teñas que tocar nada. Atópalo no menú lateral, en «Mantementos», xunto a Visitas.

Módulo dos plans de pagamento

Os contratos de mantemento non entran no plan gratuíto: no plan Free a páxina amosa o cadeado e a invitación a mellorar de plan. Ademais, cada membro do equipo necesita permiso no módulo «Mantementos» (Configuración → Equipo).

Crear un contrato

Desde «Mantementos» → «Novo contrato», ou desde a ficha dunha máquina con «Crear contrato», que chega co cliente e a máquina xa escollidos.

1

Cliente e nome

Escolle o cliente e ponlle ao contrato un nome que se entenda na lista, por exemplo «Revisión anual dos compresores». Ao gardalo recibe o seu número, do tipo CM-2026-000001.

2

Vixencia e técnico

A data de inicio é obrigatoria e a de fin, opcional: pasada a data de fin, o contrato deixa de avisar. O técnico habitual é o que se propón ao programar as visitas.

3

Máquinas e intervalos

Engade as máquinas do cliente e, para cada unha, cada cantos meses, cada cantas horas ou as dúas cousas. Indica tamén cando foi o último mantemento e con cantas horas; se non o sabes, cóntase desde o inicio do contrato.

4

Con canta antelación avisar

En días para os intervalos por data (15 por defecto) e en horas para os de horas de funcionamento (50 por defecto). É o que separa «Próximo» de «Ao día».

Cando lle toca a cada máquina

O contrato só garda a base: a data e as horas do último mantemento. O demais calcúlase cada vez que abres a páxina, coa data de hoxe e a última lectura do contador da máquina, así que o estado nunca queda vello.

Por data

Cada tantos meses desde o último mantemento. Respéctanse os finais de mes: unha revisión mensual que comezou un 31 de xaneiro toca o 28 de febreiro, non o 3 de marzo.

Por horas de funcionamento

Cada tantas horas desde as que marcaba o contador no último mantemento. Só se ofrece nas máquinas con contador de horas (os tipos da rama de maquinaria industrial).

O que chegue antes

Cos dous intervalos, a máquina vence en canto se cumpre un deles: un compresor que se revisa cada 6 meses ou cada 2.000 horas vence aos 6 meses aínda que traballase pouco, ou antes se fai moitas horas.

Sen horas de partida non se avisa por horas

Se non indicas as horas do último mantemento, o intervalo por horas non se pode calcular e non avisa: é mellor non avisar ca avisar sen fundamento. En canto se finalice unha visita con lectura, o contrato xa ten a súa base.

Estados

Cada máquina ten o seu estado, e o contrato amosa o peor das súas máquinas. Na lista de contratos ordénanse co vencido primeiro.

Vencido

Xa pasou a data ou superáronse as horas. Hai que programar a visita canto antes.

Próximo

Aínda non venceu, pero está dentro da antelación do contrato: faltan menos días ou horas dos que puxeches para avisar.

Ao día

Revisada e lonxe do seguinte mantemento.

De baixa

O contrato está dado de baixa ou pasou a súa data de fin. Non avisa, pero conserva todo o seu histórico.

Vista previa — Ficha dun contrato

CM-2026-000001

Mantemento preventivo da planta

Mecanizados do Miño, S.L.

Vencido

Máquinas

Atlas Copco GA 30 VSD+

Nave 2 · sala de compresores

Vencido

Cada 6 meses · Cada 2000 h

Toca o 12/09/2026 · Toca ás 12.600 h (agora 12.450 h)

Programar visita

Linde E20 PH

Almacén de materia prima

Próximo

Cada 12 meses

Toca o 29/10/2026

Programar visita

Himoinsa HFW-60 T5

Exterior, xunto ao cadro xeral

Ao día

Cada 6 meses · Cada 250 h

Toca o 09/03/2027 · Toca ás 1.430 h (agora 1.250 h)

Programar visita

Programar a visita e pechar o mantemento

Os contratos non crean visitas sós: ti decides cando ir. Sattotal déixache todo preparado para que sexa un clic.

Botón «Programar visita»

Na ficha do contrato, cada máquina ten o seu botón. Abre o formulario de visitas de sempre co cliente, a máquina, o tipo «Mantemento» e o contrato xa enchidos; só queda poñer a data, a hora e o técnico. Se a máquina xa ten unha visita aberta, no canto do botón ves esa visita coa súa data.

As horas, na visita

No modo traballo da visita, o técnico anota o que marca o contador en «Horas de funcionamento». A lectura pasa ao histórico da máquina ao finalizar a visita, non antes.

Ao finalizar, a máquina queda ao día

Cando se finaliza unha visita do contrato, a súa máquina pasa a ter o último mantemento coa data de hoxe e as horas tomadas na visita (ou, se non se tomaron, a última lectura que tivese). Volve a «Ao día» soa e calcúlase o seguinte vencemento.

Mantementos feitos

A ficha do contrato lista as visitas xa feitas coa súa data e o seu técnico, e o detalle de cada visita amosa de que contrato sae.

Avisos

Non fai falla entrar en Mantementos para enterarse do que toca.

Na campá

«N mantementos por facer», con ligazón directa á lapela de alertas.

En Alertas

A lapela «Mantementos» da páxina de Alertas lista as máquinas vencidas e próximas de todos os contratos vixentes, o máis urxente primeiro, co cliente, a máquina e cando toca.

Na ficha da máquina

A tarxeta «Mantemento preventivo» amosa os contratos que cobren esa máquina, co seu estado e o seu próximo vencemento, e o acceso para crear un novo.

Só a quen lle serve

Os avisos saen unicamente se o plan inclúe o módulo e o usuario ten permiso en Mantementos: ninguén recibe avisos de algo que despois non pode abrir.

De onde saen as horas

As horas de funcionamento son as lecturas do contador que garda a ficha de cada máquina (tarxeta «Horas de funcionamento»). Rexístranse ao recibir a máquina no taller, ao finalizar unha visita ou a man desde a propia ficha, e o contrato usa sempre a última. Se unha lectura é menor ca a anterior, Sattotal avisa pero gárdaa, por se se cambiou o contador.

Dar de baixa e reactivar

«Dar de baixa» deixa o contrato «De baixa»: deixa de avisar, pero non se borra nin perde as súas visitas. «Reactivar» devólveo tal como estaba, coa mesma base de datas e horas.

Queres probalo ti mesmo?

Proba Sattotal de balde con datos de exemplo, sen tarxeta de crédito.