Os patinetes, as bicicletas e os scooters eléctricos entran no taller
Pedíunolo un taller que xa usaba Sattotal e que reparaba patinetes na mesma mesa ca os móbiles. Desde hoxe son tres tipos de aparello máis, co vocabulario e as avarías do seu oficio.
A mobilidade eléctrica leva anos entrando nos talleres pola porta de atrás: primeiro era o patinete dun cliente de sempre, despois dous por semana, e ao final media mesa ocupada por baterías e controladoras. Ata agora, en Sattotal eses aparellos había que dalos de alta como «outro» e amañarse. Xa non: patinete eléctrico, bicicleta eléctrica e scooter eléctrico son tres tipos propios, con todo o que iso implica.
Que cambia ao escoller un dos tres
O número de serie pasa a chamarse bastidor
É o número gravado no chasis, que é como o pide o cliente e como o busca o técnico. Gárdase no mesmo campo de sempre, así que se busca igual e sae igual no resgardo e nas exportacións.
Matrícula, cando a leva
Os scooters lévana sempre e os patinetes, nos países que a esixen; as bicicletas, non. O campo só aparece onde ten sentido, nunca é obrigatorio e pódese buscar desde o listado e desde o buscador global.
Accesorios e comprobacións do seu oficio
A recepción ofrece cargador, batería extraíble, chaves, cadeado, casco ou a documentación do vehículo, e pregunta se acende, se o cadro dá imaxe e se a batería carga. Xa non pide o contrasinal da BIOS.
Catorce avarías novas no catálogo
Batería sen autonomía, cargador, motor, controladora, acelerador, sensor de pedaleo, pantalla, freos, pneumático, luces, pregado do guiador, firmware, alarma antirroubo e cableado. E as avarías xenéricas de sempre —golpes, líquido, non acende— agora tamén se aplican a estes vehículos.
Se o teu taller non toca a mobilidade eléctrica, non notarás nada: os tres tipos son opcionais e o resto de aparellos segue funcionando exactamente igual ca onte.
Ficha dun patinete recén recibido
DIS-0042 · Patinete eléctrico · Xiaomi Electric Scooter 4 Pro
N.º de bastidor: XM4P-2024-88117 · Matrícula: 1234 ABC
Accesorios: cargador, batería extraíble, chaves, cadeado
Avaría declarada: aguantaba 25 km e agora apágase aos 5
Causa: Batería sen autonomía ou non carga
O resgardo de depósito que asina o cliente sae co número de bastidor e a matrícula onde antes poñía «N. Serie», sen ter que configurar nada. E o asistente xa sabe de que lle falas cando lle preguntas por un patinete.
